Ramón Blanco: «Este poemario mestura aos beatniks coa música jazz e a cultura americana»
El escritor y autor de «Emily on the road» habla con ABC
«Unha noite na eternidade. Un condutor e unha autostopista. Unha mestura de road movie e enterro aldeán». Con estas tres frases é como presenta o poeta, profesor e xornalista cultural Ramón Blanco (Outes, 1979) o seu segundo libro de poemas, Emily on the Road, co que nos días que corren está a protagonizar unha xira na salvaxe compaña do Colectivo Sacou e do músico Pablo Sax. Aproveitamos a ocasión para realizar un pequeno coloquio de outono co autor para sabermos algo máis do libro que nos ocupa e das súas claves de lectura e escrita.
— Cal é a xénese de Emily? Como naceu este proxecto, este poemario?
— Arredor do 2006 estaba nun bar en Serra de Outes cunha libreta, e comecei a escribir un texto sobre Emily Dickinson, lembrando un poema medio satírico sobre ela que fixera Jack Kerouac. Cando pasara a mañá, xa tiña un cento de versos escritos, nun estilo moi diferente ao que tiña daquela. Ao repasalo pouco despois non me convenceu moito e ficou apartado. Mais anos despois, redactando outros poemas novos, decateime de que todos tiñan en común unha historia na que mesturaban Emily Dickinson e a novela On the Road. Daí saíu o proxecto deste poemario continuamente reescrito que mestura aos beatniks, co jazz e a cultura norteamericana, entre outras cousas.
—É unha obra moi rupturista co estilo anterior do teu Orfeu en Soños, non? Un longo poema narrativo...
—Certo. Mais á marxe da temática, é un fondo traballo coa linguaxe e as súas mentiras: as palabras como trampas nas que caemos sempre.
—«A linguaxe que aquí vedes pasar non é real, nunca foi real, só é real como é real un cadro», di ao comezo do libro...
— Amais, como poema narrativo, require unha forma de escribir distinta, vehiculando un relato puro e duro; mais inserindo polo medio elementos líricos, outras voces poéticas que contrastan coa súa tosquedade coa principal. Co meu libro anterior continúa unha corrente onírica e a presenza do mito de Orfeo e o elemento órfico (a pescuda do amor perdido que deriva nunha maior perda). E o telón de fondo desta pescuda é a noite: momento de amor, de descanso, mais tamén de perigo, de insomnio, de tristeza. Quen entra na noite pode saír queimado dela.
—Cal é a «historia» que se conta entón neste libro?
— O esqueleto do libro sae da historia da unión de dous caracteres contrapostos: por un lado o modelo de Emily Dickinson, escritora pechada ao mundo (e nunha escrita medida e concisa) que non saía da casa e que non difundiu case ningún dos seus centos de poemas, e polo outro o modelo de Kerouac, o escritor delirante, dinámico, viaxeiro e volcánico. A obra comeza nun peirao, cun viaxante que se dirixe ao oeste. Temos un condutor (quizais Orfeo?), un escritor mediocre que leva consigo un caderno con poemas que vai escribindo, e unha muller que recolle no coche, Emily. Os dous van atravesando unha noite que parece eterna, e na que percorrerán varios lugares. Paran nunha igrexa e nun hotel, nunha taberna, nunha estación de autobuses... Finalmente, hai unha praia, nunha fisterra atlántica, que é onde remata o libro. As tres partes do poemario serían a Partida, a Ruta e a Arribada.
—Esa narración artéllase nun único poema longo, mais polo medio contamos con outros textos que non parecen encaixar...
—Temos os poemas que escribe o condutor, cun estilo deliberadamente tosco (é un escritor mediocre, que non se decata de nada concreto), e que levan unha tipografía e unha separación diferentes. Hai un par de cartas, elipses, unha mini-obra de teatro onde interveñen Orfeo e Ofelia (non Eurídice) na que se reflexiona sobre a escrita... Todo pretende darlle unha riqueza expresiva ao propio poema.
—E como remata a historia?
—Iso é algo que temos que deixar que os lectores descubran. Só vos adianto que cando a parella chega á praia, aparece unha personaxe da que non falei ata entón e que pode verse como un desdobramento da voz poética, e que moitos misterios se ven desvelados, tanto para os lectores coma para as personaxes.