domingo, 28 de abril de 2013

Poetas, por SIRO

Poetas

FFERROL, FERROL ONDE EU NACÍN

Poetas




Estou exercendo de avó en Alpedrete, un pobo da serra de Madrid, que entre outros veciños coñecidos ten a familia Rabal Balaguer. A Paco fixéronlle un busto en bronce na praza onde está a casa da cultura, e representárono no personaxe que interpretou en Los santos inocentes, coa boina calada ata as orellas e, no ombro, a milana bonita. Coñecino en Compostela, no ano 1984, e oíno recitar algúns poemas festivos da súa autoría, que nos fixeron rir a todos; el o primeiro. A Asunción Balaguer, a viúva, véxoa na pescadería e falamos de Paco e de Ferrol, onde rodou a última película.
Vin o xoves, así que o mércores estiven en Ferrol con varios amigos e, pola tarde, cando me dispuña a coller o coche no aparcamento da praza de Armas, empezaba un recital de Guillerme Ferrández, Karlotti, Marcos Lorenzo e Víctor M. Díez na celebración da VI Semana da Poesía Salvaxe, e quedei a velos. Leron poemas propios e de Ezra Pound, Walter Whitman, Brecht, Bukowski, Novoneira...
Dalgúns fixeron unha lectura coral, a catro voces, e oíndoos evoquei os anos setenta, cando na miña casa nos xuntabamos varios amigos para escoitar a Olga Manzano e Manuel Picón en Fulgor y muerte de Joaquín Murrieta, a cantata de Pablo Neruda; a Rafael Amor en No me llames extranjero, Elegía a un tirano e Niña negra; a Pi de la Serra en Si los hijos de puta volasen no veríamos el sol e El burro y el águila real; a dous rapsodas arxentinos, home e muller, verdadeiramente extraordinarios, dicindo os versos de César Vallejo á España republicana, que ía perder a guerra; e El general Franco en los Infiernos, de Neruda. Todo eso me veu á memoria, sentado nun banco de pedra da praza de Armas e, como hai coarenta anos, un calafrío me percorreu o espiñazo. Despois, de volta á Coruña, seguín matinando na poesía e nos amigos poetas que tiven e teño, e recordei unha anécdota de Salvador García-Bodaño, tamén dos anos setenta.
Bodaño vivía en Santiago, e os fins de semana ía coa muller e os catro fillos, aínda pequenos, a unha casiña que tiñan nos arredores da cidade. No camiño sempre lles saía un can malísimo que se lles botaba ao coche, ladrando e regañando os dentes, e perseguíaos un bo cacho. Os nenos, medoñentos, advertíano: «¡Corre papá, que aí ven o can!» E Bodaño xuraba e maldicía o can, mentres pisaba o acelerador e se esforzaba por non perder o control do coche.
Un día que ía de copiloto cun amigo tiveron que pasar por aquel lugar defendido polo can, e advertiuno: «¡Ollo, que aí sae sempre un can moi malo!» O amigo respondeulle: «Deixao vir». E cando apareceu o can, moderou a marcha, deixou que se achegara ao coche, abriu a porta de súpeto e bateulle con ela nos dentes. O can liscou laiándose. Bodaño aprendeu a lección e dispúxose a repetila ante a muller e os fillos. E o domingo, cando os nenos empezaron a berrar: «¡Corre papá, que aí ven o can», Bodaño surriu e dixo moi tranquilo: «Déixao vir». Moderou a marcha, agardou a que o can se achegase ao coche, e de súpeto abriu a porta. Pero Bodaño, sempre poeta, non caeu na conta de que o seu coche era un seat 600, e no 600 as portas abrían ao revés; así que o can se colou dentro. O mellor foi que en décimas de segundo el, a muller e os catro fillos saíron do coche, que pasou a ser propiedade do can, ata que un paisano veu escorrentalo.
Gústame recordalo agora, cando hai 40 anos que deixou de fabricarse o seat 600.
siro@siroartista.com

A VI Semana de Poesía Salvaxe regresa con menos axudas e máis actividades - Ferrol - Diario de Ferrol

A VI Semana de Poesía Salvaxe regresa con menos axudas e máis actividades - Ferrol - Diario de Ferrol


O Ferrol máis poético e combativo regresa o día 24 como cada mes de abril baixo a forma da Semana de Poesía Salvaxe que este ano cumpre a súa VI edición. Faino a pesar da absoluta carencia de axudas institucionais e coa colaboración de seareiros de toda España a través da plataforma Verkami, coa que conseguiron 3.000 euros. Esta iniciativa, xunto coa colaboración popular, fixo que este ano o número de actividades se multiplicase con novas propostas como a presentación do Comando Ártabro da Palabra Encarnada, un colectivo poético ferrolán no que participan Manolo Bacalhao, Juana Corsina, Fernando Naveiras, Ricardo Ledo, Pablo Portero etc.

apertura
A VI Semana de Poesía Salvaxe prolóngarase desde o mércores  24 ata o sábado 27. A intervención inicial será na praza de Armas ás 18.30 horas coa participación de Karlotti e Guillermo Ferrández, os organizadores, xunto con Marcos Lorenzo e Víctor M. Díez. A partir das 23.30 horas o pub Cazadores acolle un recital de Séchu Sende, Felipe Zapico, Karlotti, Ferrández, Manolo Bacalhao e o citado                                  Comando Ártabro Poetico.
O xoves 25, a partir das 12.30 horas, no Mercado da Magdalena recitarán María Lado, Lucia  Aldao, Zapico, Karlotti e Víctor. Ás 14.00 horas haberá un pasarrúas e desde as 18.30 a Biblioteca Central acollerá a palabra de Alba González. Ás 19,30 horas haberá sendos actos poéticos en Esteiro e Ferrol Vello, coa música de Al Vidal e Eli Quartier, e desde as 21.30 horas o Cafelito de Gloria celebrará a festa do 25 de abril.
Pouco despois, desde as 23.30 horas, a Sala Súper 8 acolle o concerto de The Big Lebowskis: Tiago Gomes & Francisco Rebelo chegados desde Lisboa, acompañados da palabra do Comando Ártabro da Palabra Encarnada.
O venres 26 a actividade ábrese no Mercado de Recimil ás 12.30 horas con Adolfo García Ortega, Estevo Creus, Felipe Zapico, Alba González e o Comando Ártabro. Ás 14.00 horas comezará un pasarrúas con La Ventanita (Lícas, Olga e Cristina), Alfredo Vidal e Eli Quartier.
Pola praza de Armas, Esteiro e Canido pasarán a partir das 18.30 horas Licas, Xiana Arias, Olalla Cociña, Tiago Gomes, Adolfo García, Alfredo Vidal e Eli Quartier. Na noite a actividade continuará no pub Carteles.

última xornada
O sábado 27 o pub Cazadores recibe a partir das 13.30 horas a Javier Semprún, Ramiro Vidal e Tiago Gomes. A actividade prosegue ás 18.30 horas no Ateneo Ferrolán con Olalla Cociña e Ildefonso Rodriguez, Xiana Arias,  Ramiro Vidal, Chefa Alonso e Cova Villegas e o Comado Ártabro.
A actividade multiplícase nesta última noite con varios recitais de poesía e música consecutivos en O Cafelito de Gloria, o pub Manchita Cosa e o pub Carteles, onde se celebrará a festa de remate do programa desta VI edición da Semana da Poesía Salvaxe.guillermo ferrández e karlotti, nunha presentación o pasado ano no pub cazadores luis polo

Comeza o programa da Semana da Poesía Salvaxe cun berro contra a usura - Ferrol - Diario de Ferrol

Comeza o programa da Semana da Poesía Salvaxe cun berro contra a usura - Ferrol - Diario de Ferrol


Comeza o programa da Semana da Poesía Salvaxe cun berro contra a usura

 | Actualizado 24 Abril 2013 - 01:50 h.
karlotti e ferrández, nos terreos da antiga fábrica de lápices j. meis
karlotti e ferrández, nos terreos da antiga fábrica de lápices j. meis
Recollendo a testemuña do gran poeta norteamericano Ezra Pound, chega a VI edición da Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol como un berro contra a usura. “Os poetas contra a usura, que é o cancro do mundo, a servidume do diñeiro. A usura é pecado contra natura”, así comeza a súa declaración de principios que hoxe van ler na xornada inaugural dun programa intenso.
Será na praza de Armas a partir das 18.30 horas e xunto cos dous promotores da cita, os escritores Karlotti e Guillermo Ferrández, estarán Marcos Lorenzo e Víctor M. Díez. A continuación intervirá o novo Comando Ártabro da Palabra Encarnada, colectivo formado por escritores e animadores culturais ferroláns entre os que están Ricardo Ledo, Pablo Portero ou Juana Corsina.
O acto inaugural celébrase na praza de Armas a partir das 18.30 horas

A actividade desta xornada inaugural trasladarase ás 23.30 horas ao pub Cazadores coa intervención dos poetas anteriores aos que se lle engaden Felipe Zapico, Manolo Bacalhau e o novelista Sechu Sende.
A Semana de Poesía Salvaxe, presentada onte por Ferrández e Karlotti no baleiro solar da antiga fábrica de lápices de Ferrol Vello, quere homenaxear a este barrio, “símbolo da cidade”.
Esta nova edición da Semana da Poesía Salvaxe non conta con axudas institucionais, financiándose a través da plataforma Verkami con aportacións procedentes de toda España e de asociacións locais.

martes, 16 de abril de 2013

PROGRAMA DA SEXTA SEMANA DE POESÍA SALVAXE




MÉRCORES, 24:
18:30 h. Pza. Armas: Karlotti, Marcos Lorenzo,Víctor M. Díez, Guillermo Ferrández.
19:30 h. Ricardo Ledo, Pablo Portero, Paco, Juana Corsina.
23:30 h. Pub Cazadores : Séchu Sende, Felipe Zapico, Víctor, Karlotti, Guillermo, Manolo Bacalhao, Comando Ártabro Poético.(*)
XOVES, 25:
12:30 h. Mercado Magdalena : María Ledo, Lucía Aldao, F. Zapico, Séchu, Karlotti, Víctor.
14:00 h. Pasarrúas.
18:30 h. Biblioteca: Alba González.
19:30 h. Esteiro e Ferrol Vello : Pedro, Zapico. Todos, con Al Vidal e Eli Quartier.
21:30 h. Cafelito de Gloria: celebración 25 de Abril, Pedro Campos, M.Bacalhao e Fernanso Naveiras.
23:30 h. Sala Súper 8: The Big Lebowskis: Tiago Gomes & Francisco Rebelo. Ricardo Ledo, Pedro Campos, Comando Ártabro.
VENRES, 26:
12:30 h. Mercado Recimil: Adolfo G. Ortega, Estebo Creus, F. Zapico, Alba González. Comando Ártabro.
14:00 h. Pasarrúas: La Ventanita (Licas, Olga e Cristina), Al Vidal e Eli Quartier.
18:30 h. Pza. Armas/ Canido/ Esteiro: La Ventanita, Xiana Arias, Olalla Cociña, Tiago, Adolfo, Al Vidal e Eli Quartier.
23:00 h. Pub Carteles: Alfredo, Xiana, Olalla, Ildefonso Rodríguez, Chefa Alonso e Cova Villegas. Adolfo García Ortega.
SÁBADO, 27:
13:30 h. Pub Cazadores: Javier Semprún, Ramiro Vidal, Tiago Gomes.
18:30 h. Ateneo: Olalla e Ildefonso Rodríguez, Xiana Arias, Ramiro Vidal, Chefa e Cova Villegas. Comando Ártabro.
21:00 h. Cafelito de Gloria: Ramón Blanco e Pablo Sax.
22:00 h. Manchita Cosa: Sin Red.
23:00 h. Festa final no Pub Carteles: Todos.
(*) Comando Ártabro da Palabra Encarnada: Pablo Portero, Fernando Naveiras, Juana Corsina, Ricardo Ledo, Paco Regueiro e Manolo Bacalhao, etc